Neste último trimestre do ano, estamos incorporando un bo número de cómics ás nosas coleccións de cómic nas Bibliotecas Municipais, tanto nas salas infantís como para o público xuvenil e adulto. Nesta ocasión veño a falarvos dos últimos cómics que engadimos á comicteca da sala de adultos da Biblioteca Os Rosales. E vouno facer destacando, por unha banda a creación de autoras e autores galegos e pola outra a excelente calidade e diversidade de propostas de autoras de cómic. Un apunte extra sería falar de edicións integrais e de adaptacións de novelas ao cómic. Nas librerías temos un boom!

Cómic galego

  • Elisa e Marcela por Xulia Vicente. O Consello da Cultura Galega presenta esta banda deseñada que, en palabras da autora Xulia Vicente, “relata a historia de Elisa e Marcela, dúas mulleres cuxa peculiar historia foi reconstruída a partir de documentos oficiais e de extractos de xornais, moitas veces con testemuñas de difícil comprobación. Necesariamente, este relato emprega a ficción para suplir algún ocos e facilitar a narración. Esta banda deseñada ten a intención de divulgar e visibilizar a vida destas mulleres, pero nunca debe tomarse como unha versión cen por cen fiel á historia”. Nas Bibliotecas Municipais podedes lela en papel, pero na web do Consello da Cultura Galega podedes acceder á súa versión dixital para lectura en liña e/ou a súa descarga.
  • Bella muerte 3. La rata por Emma Ríos. Bella Muerte –cuxo primeiro tomo publicou Astiberri en 2014– é unha serie que combina o realismo máxico de Sandman coa brutalidade do western crepuscular de Predicador. La rata é o terceiro tomo e ven de acadar o Premio Eisner 2020 á mellor portadista (Emma Ríos).
  • Ether 3. La desaparición de Violeta Campana por David Rubín e Matt Kindt.Finalizan así, con este terceiro volume, unha travesía na que ciencia e maxia danse a man para mostrar que ás veces o ser humano tamén aprende dos seus erros.
  • O derradeiro libro de Emma Olsen por Berta Dávila e Pablo Prado. Logo do éxito recollido pola novela de Berta Dávila, a autora, abeirada á pluma certeira de Pablo Prado, ofrécenos este cómic. De novo os mesmos personaxes atrapados polas paixóns da alma máis contraditorias. Capaces de amar, de odiar, de agochar segredos que só poden saír cando a vida chega á súa fin.
  • Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de terra por Xico Paradelo, Irene Veiga e  Iván Suárez. Novela gráfica biográfica de Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado nas Letras Galegas 2020. 
  • O pacto do letargo: o tríscele roubado por Miguelanxo Prado. Un thriller que agocha nas súas páxinas unha profunda reflexión sobre a relación do ser humano coa natureza e sobre o que ocorre cando a preservación do medio ambiente entra en conflito coa excesiva ambición de poder.
  • A caza por Alberto Vázquez. Situado nun ambiente da selva, A caza afonda na historia dun home primitivo que persegue a un animal. A través dunha narración chea de metáforas e un gráfico que oscila entre a abstracción e a figuración, abórdanse temas universais como o conflito entre o home e a natureza, a contaminación ou a emigración. Foi ademáis XIV Premio Castelao de Banda Deseñada 2019.

Autoras de cómic

  • El viaje por Agustina Guerrero. Despois dun feliz período dedicado á maternidade, chegou o momento de que La Volátil recupere a sede de aventura e que mellor que viaxar a Xapón coa súa gran amiga Loly? O deambular por un país cheo de rituais e exotismo converterase inevitablemente nunha viaxe interior da que só podes saír ileso grazas ao poder do humor e a amizade.
  • SuperBollo contra la L.E.F.A. Varias autoras. A activista Korki Kent traballa como xornalista na oficina do xornal Ovarios Liberados, en Barcelona. Korki é gorda, vegana e transfeminista. Detrás da súa tímida personalidade, Korki agocha un incrible alter ego: SuperBollo. Esta heroína combina activismo e defensa persoal feminista para facer fronte á L.E.F.A (Liga Exterminadora de Feminazis Antisistema).
  • Residencia de Estudiantes e Annemarie por Susanna Martín (e María Castrejón).
    • Residencia de Estudiantes é o cómic que retrata un dos períodos que máis marcou a historia cultural deste país: o encontro de Dalí, Lorca e Buñuel na Residencia de Estudantes de Madrid en 1919.
    • Annemarie xira arredor da fascinante biografía da reporteira suíza Annemarie Schwarzenbach (1908-1942). Xornalista, fotógrafa, novelista, viaxeira, percorreu o período de entreguerras atravesando todas as súas treboadas, xa sexan políticas, sociais ou culturais. Só naufragou en dous elementos: a morfina e os prexuízos do seu tempo.
  • Harley Quinn. Cristales rotos por Mariko Tamaki. Cómic xuvenil que actualiza as orixes de Harley Quinn, falándonos da súa chegada a Gotham para estudar. Alí coñecerá ao seu inseparable amigo Poison Ivy, con quen decidirá loitar pola igualdade das mulleres, contra os especuladores inmobiliarios e polos dereitos das plantas.
  • Atelier of Witch Hat, Vol. 6 por Kamome Shirahama. A autora crea un sistema orixinal de maxia na serie Atelier of Witch Hat, dándolle á obra algo especial que fai que o lector recupere a ilusión da fantasía nun manga que desprende frescura, imaxinación, arte deslumbrante e artesanía na creación de personaxes.
  • El clan de los Poe por Moto Hagio. A obra máis popular da mestra do manga nunha edición de luxo. Edgar e a súa irmá pequena, Merrybelle, son abandonados á súa sorte no bosque. Unha misteriosa anciá sálvaos da morte e termina por facerse cargo deles na súa mansión. Pero os nenos descoñecen que o clan de nobres que os acolleu, os Poe, son en realidade un grupo de vampirnellas: seres que se alimentan de sangue humano, deixando un regueiro de cadáveres ao seu paso. Ou iso din as lendas…
  • Las dos vidas de Penélope por Judith Vanistendael. Penélope é cirurxiá e pasa a maior parte do tempo en países en guerra tratando de salvar vidas en misións humanitarias. Cando volve a casa, reencóntrase cun marido cariñoso, unha filla adorable e un fogar acolledor. Con todo, estes retornos cada vez son máis difíciles para Penélope. Unha profunda e desgarradora reflexión sobre a maternidade, a familia, a vocación e a dedicación no traballo.
  • Todas nosotras por Elizabeth Casillas e Higinia Garay. Contan a historia de catro mulleres salvadoreñas, Mariana, Cynthia, María Teresa e Elsi: como teñen que volver a casa tras estar en prisión por un delito que nunca debeu selo e o difícil que lles resulta reintegrarse nunha sociedade que as segue xulgando, acosando e discriminando. El Salvador ten unha das leis antiaborto máis estritas do mundo e a interrupción do embarazo, tanto voluntaria como espontánea, está penada durisimamente.
  • El dífícil mañana por Eleanor Davis. Estado policial, guerra con armas químicas, urxencia ambiental… Nunha sociedade cada vez máis terrorífica, Hannah e Johnny están a tentar ter un bebé. Cada un enfróntase de maneira moi diferente a ese futuro cheo de esperanzas e temores: mentres Johnny foxe cada vez máis da realidade, Hannah involúcrase na militancia contra o uso das armas químicas e a loita pola igualdade.
  • Sisi. Emperatriz rebelde por Giorgia Marras. Elisabeth de Baviera, máis coñecida como a emperatriz Sisi, foi unha heroína tráxica, controvertida e de carácter rebelde, moi lonxe da visión que os libros de historia e as películas reflectiron. Descobre a súa vida neste magnífico e detallista achegamento a unha muller empoderada nunha contorna máis que hostil.
  • California Dreamin’ por Pénélope Bagieu. Esta emocionante novela gráfica presenta a Mama Cass, a formidable vocalista que lanzou The Mamas & the Papas ao estrellato como nunca antes. A historia dun dos grupos musicais máis exitosos de toda a historia. Bagieu consegue contarnos cun estilo despreocupado a traxectoria dunha banda lendaria e dunha cantante única, cuxas cancións forman parte indiscutible do imaxinario colectivo e da historia da música.

Bonus Track: un integral imprescindible e outra adapación máis

  • Essex County por Jeff Lemire. Ambientada nunha versión imaxinaria da cidade natal de Jeff Lemire, Essex County é un estudo íntimo dunha excéntrica comunidade agrícola e unha tenra meditación sobre a familia, a memoria, a dor, os segredos e a reconciliación. Unha xoia feita edición integral polos amigos de Astiberri.
  • Patria por Toni Fejzula e Fernando Aramburu. Agora que a aclamada novela de Aramburu tamén podemos vela na televisión, non podía faltar unha adapación ao cómic 😉

Na sala infantil da Biblioteca Os Rosales tamén estamos enchendo os nosos andeis con títulos para todos os gustos lectores, pero deso falaravos Marta noutras publicacións… Eu vou ir preparando entón xa as novidades do mes de decembro e que non deixemos de ler e recomendanos cómics as unhas ás outras! Consultade o catálogo para ver a dipoñibilidade destas e doutras obras. Pola Biblioteca, esperámosvos.