Unha tempada máis comezamos unha nova andadura do Club de lectura de cómics da Biblioteca Forum. Neste ano tan atípico non puidemos sacar una inscrición aberta para novos participantes, polo que arrancamos os mesmos integrantes do ano anterior con moitas ganas de volver a algo parecido á “vella normalidade”.

As restricións que hai na cidade por mor da Covid fan que as reunións teñan que volver a ser virtuais, agardardando que a situación mellore para volver a prensencialidade na Biblioteca.

O cómic proposto para a primeira lectura foi Intemperie (Planeta Cómic), Javi Rey adapta ao cómic a exitosa novela homónima de Jesús Carrasco (Seix Barral) cun resultado espectacular, cheo de matices e sentimento. O seu traballo aquí reportoulle o Premio ao Mellor Autor Revelación no Salón do Cómic de Barcelona 2017.

Esta é a historia da fuxida dun neno a través dun país castigado pola seca e gobernado pola violencia. Nun mundo pechado, sen nomes nin datas, sen moral. Onde a natureza confúndese coa trama e no que a dignidade do ser humano brota entre as gretas secas da terra.

Nese escenario, o pequeno terá a oportunidade de iniciarse nos dolorosos rudimentos do xuízo ou, pola contra, de exercer para sempre a violencia que sufriu.

JAVI REY_____ Ilustrador freelance e debuxante de cómics formado na Escola Joso de Barcelona. É neste centro formativo onde os seus profesores e compañeiros transmitíronlle a paixón polo mundo do cómic. En 2007, participou no libro colectivo Lovexpress (Kaleidoskope, 2007).

A súa actividade profesional empezou dentro do mundo da animación independente, participando como ilustrador no estudo Yanquipay, durante a produción da serie “240 el nen clònic” (TV3, 2009). Traballou como ilustrador de libros de texto e como story-boarder para diversas axencias de publicidade.

En 2011 comeza o seu labor xunto ao guionista Frank Giroud na obra “Adelante!” (Editions Dupuis, 2013-2014). En 2016, tras unha colaboración co Festival de Lyon para o libro colectivo “Web Trip. Relatos y recetas”, Dupuis publicou en Francia o seu “Un maillot pour l’Algérie”

En 2016 presentou a adaptación ao cómic da novela Intemperie (Seix Barral, 2013) do escritor Jesús Carrasco e baixo o selo Planeta Cómic.

Entre os seus principais e primeiras influencias no mundo do cómic, Rei destaca os traballos de Miguelanxo Prado, Hergé ou André Juillard.

Nos próximos días, o meu compañeiro e coordinador do club Iván, vai subir unha reseña do cómic Intemperie, polo que estade atentos e non perdades a súa lectura.