Estamos a piques de rematar un dos anos máis atípicos dos que teñamos vivido, no que se demostrou que a lectura é máis acubillo que nunca. E as comictecas da Biblioteca Os Rosales notaron esa ansia lectora das nosas usuarias e usuarios. Así que non queriamos rematar o ano sen presentarvos 12 + 12 títulos novos: 12 cómics na sala infantil e 12 na sala de adultos. Tentamos satisfacer todos os gustos lectores. Vós diredes se imos atinando… 😉

Na sala infantil apostamos por comezar e/ou continuar con series como El temerario Jack y Zita, la viajera espacial, Pepino, Héroe de Leyenda 2. El reino de las olas, Animalotes, Shaker Monster 2. Cigotos de incógnito, Olivia 1. El genio sinvergüenza, Narval 4. Crema de Cacahuete y Medu ou Enola Holmes 3 e 4. Incluímos ademáis o novo título da colección Mamut: Lola & Blu, un cómic de Superman para peques: Superman de Smallville e a fermosa historia de amizade que nos propón Jen Wang: Destellos.

Na sala de adultos temos varias propostas que poderían ser estupendos agasallos polo nadal: Heimat. Lejos de mi hogar, El Buscón de las Indias, El dios vagabundo, Miles en París, La cólera, Corredores aéreos ou Un tributo a la tierra. Completamos coleccións, ao igual que o facemos na sala infantil, co último número de La pequeña forastera, coas estupendas edicións de Gastón Elgafe, con Shi e coa edición integral de Magasin Général. Pero ademáis o confinamento trouxo un cómic de humor que naceu na rede e que é imperdible: as historias de Batman por Álvaro Ortiz: El Murciélago sale a por birras.

Podedes consultar a dispoñibilidade destos cómics e do resto da colección que conforman as nosas comictecas no catálogo e pedilos dende calquera das Bibliotecas Municipais que formamos parte da rede. Esperámosvos!