Un ano máis as Bibliotecas Municipais da Coruña publicamos a Guía Historias de Regalo con unha selección de ideas para agasallar nestas festas. Esta compilación, feita con moito agarimo polas bibliotecarias e bibliotecarios, non pretende ser exhaustiva; tan só recolle aquilo que nos gustou especialmente entre o publicado nos dous últimos anos.

Unha das seccións fixas desta Guía é a da banda deseñada, neste caso adicamos espazo a historias para todo tipo de públicos:

INFANTIL E XUVENIL

As coloridas páxinas deste álbum conteñen as peripecias de Uxío, un rapaz rubio e traveso, posuidor dunha imaxinación desbordante. Preséntanse en relatos curtos dun par de páxinas, con humor, poesía e axilidade. Algunhas delas pediranlle ao lector que participe.

LENDAS DO RECREO: A MEDIA HORA DOS HÉROES / EL HEMATOCRÍTICO, XERAIS, 2020

Roberto é un neno de sexto de Primaria coa habilidade de pegar uns punteirolos tremendos, e por iso o castigaron sen fútbol no recreo o resto da semana. Xa pensaba que ía pasar uns descansos aburridísimos, cando foi convidado a formar parte dun grupo de nenos e nenas tan especiais coma el

LAS VARAMILLAS / CAMILLE JOURDY, ASTRONAVE, 2020

Farta das súas novas irmás e da súa nova nai, Jo decide perderse polo bosque misterioso e seguir a unhas estrañas criaturas que volven á súa casa. Internarase así nun mundo novo, cheo de personaxes fantásticos e entrañables cos que vivirá unha aventura que recordará sempre.

MELVINA / RACHELLE ARAGNO, LIANA, 2020

Unha viaxe a un mundo paralelo, cheo de personaxes extraordinarios, fará que Melvina descubra a importancia de tomar o seu propio tempo, de decidir escoitando o corazón, sen présa. Ademais, volverá a encontrarse con alguén que cría perdido para sempre e descubrirá cantas cousas podemos perder se temos présa en medrar.

SHHH: EL VERANO EN QUE TODO CAMBIA / MAGNHILD WINSNES, LIANA, 2020

Unha historia inesquecible sobre a transición da nenez á adolescencia, con humor e seriedade. E unha historia chea de segredos. Unha novela sutil, feita de cores, formas e palabras en perfecto equilibrio. A atmosfera inefable dunha idade delicada e complicada.

PERSOAS ADULTAS

LA SAGA DE GRIMR / JEREMY MOUREAU, NORMA, 2020

Jéremy Moreau conságrase como un autor completo con esta saga islandesa en que se describe a vida e morte de Grimr Enginsson, un orfo roxo, de forza descomunal e espírito indomable. Na Islandia ocupada polos daneses do século XVIII, a pegada deste vagabundo, volcánico e rebelde, quedará gravada para sempre na súa paisaxe agreste.

O PACTO DO LETARGO / MIGUELANXO PRADO, RETRANCA, 2020

Un estudante de historia esperta sen pretendelo os anxos e os demos dun voluntario letargo, á espera de que o ser humano se reconcilie coa natureza ou acabe autodestruíndose. Miguelanxo Prado presenta un apaixonante thriller que esconde unha profunda reflexión sobre a relación dos seres humanos coa natureza e sobre que ocorre cando a preservación da contorna entra en conflito coa ambición desmedida de poder.

LA CÓLERA / JAVIER OLIVARES, SANTIAGO GARCÍA, ASTIBERRI, 2020

Esta é a historia contada por Homero, a historia da rabia dun home que durou varias semanas nunha praia do estreito dos Dardanelos. A primeira historia da civilización Europea. Aquiles monta en cólera e decide retirar as súas forzas do conflito que enfronta os gregos e os troianos. Ninguén consegue facelo cambiar de idea e a sombra do desastre ameaza a armada grega. A ira de Aquiles é inflexible.

¿ME ESTÁS ESCUCHANDO? / TILLIE WALDEN, LA CÚPULA, 2020

O que comeza como un relato cotián sobre os traumas e os baleiros de dúas persoas que o destino pon no mesmo camiño vai mudando nun poema visual onde o oniríco e a realidade se abrazan sen que queden claras as súas fronteiras, no que poderiamos definir como realismo máxico.

LOS SENTIMIENTOS DE MIYOKO ASAGAYA / SHIN´ICHI ABE, GALLO NERO, 2020

De carácter fortemente autobiográfico, no centro deste manga está a precariedade dun escritor e os seus intentos por publicar a súa obra. É un retrato do artista de mozo que nos ofrece ao mesmo tempo unha panorámica daquela época no Xapón, onde a pobreza e a crise de identidade reinaban sobre o país enteiro abaixado pola derrota na II Guerra Mundial.

Convidámoste a que nos visites, que vaias á biblioteca do teu barrio e atopes esa BD para sorprender neste Nadal. Estas historias están pensadas para ti porque te coñecemos, porque somos a túa historia, porque de non ser por ti non existiríamos. Este Nadal volve á Biblioteca. Este ano as Bibliotecas son máis seguras que nunca. Temos todo preparado para recibirte.