Na Biblioteca Os Rosales, o noso xeito de celebrar os 20 anos da editorial Astiberri, unha das máis lidas por todas e todos vós, é mostrar parte dos seus fondos, que tan bos ratos lectores nos foron dando ao longo destes 20 anos, e os que virán!!! O seu é un catálogo fundamental para achegar ao medio do cómic a lectoras e lectores que hai tempo deixaron de lelos ou que se afeccionaron por primeira vez grazas o seu labor editorial. Ademáis, nos clubs de lectura “Café con libros” cremos que marzo -xa que é o mes de comezar a celebrar!- é o momento idóneo para ler todas xuntas Pedro y yo de Judd Winick. Un eterno pendente nas nosas lecturas comiqueiras compartidas (levamos xa varios títulos de Astiberri comentados cos nosos dous grupos: El faro, La araña del olvido, La tetería del oso malayo, etc.).

Na web da editorial podemos ler o seguinte con respecto á celebración que teñen pensada: temos moitos plans para celebrar o noso 20 aniversario ao longo deste ano. O primeiro deles é, por suposto, seguir facendo crecer o noso catálogo con cómics que nos gustan e emociónannos. Pero tamén imos facer moitas cousas especiais:

Promocións. A imaxe que ilustra a nota de prensa, unha ilustración da autora valenciana Laura Pérez, será unha das protagonistas da celebración. A partir do mes de marzo, poderase conseguir en pósteres, marcapáxinas e bolsas de tea como agasallo en librerías ou a través de sorteos e outras promocións. Ademais, podemos descargar a imaxe para utilizala como fondo de pantalla nos nosos dispositivos. Na Biblioteca empregámola para a cartelería que acompaña a exposición! 😉

Fanzine 20 aniversario. Ademais queremos gozar lembrando os cómics que publicamos, o traballo que fixemos e os bos momentos que vivimos durante dúas décadas. En 2021 publicaremos un fanzine no que o equipo de Astiberri e moitas das persoas que nos acompañaron durante todos estes anos lembraremos algúns dos mellores (e peores) momentos da nosa historia. Poderase conseguir de forma gratuíta en librerías.

O podcast. Na primavera poñeremos en marcha un podcast no que participarán editores, autores e personaxes de dentro e fóra do mundo do cómic para charlar sobre diferentes temas e recuperar algúns títulos un pouco descoñecidos do noso catálogo.

Firmas e charlas? Nada nos apetecería máis que poder celebrar esta efeméride en persoa e con toda a xente que nos acompañou estes anos. Veremos se na segunda metade do ano é posible organizar firmas, charlas e outros eventos presenciais con motivo do aniversario. Ata entón, toda a información irase actualizando na nosa web e as nosas redes.

Dende o equipo Fancómic das Bibliotecas Municipais da Coruña estaremos ben atentxs ás boas novas que nos traia a editorial. Mentres, seguiremos a ler e recomendar os seus cómics!