Como xa sabedes, a semana pasada fumos ao IES Fernando Wirtz a falar sobre cómics co alumnado de 3º da ESO. O encontro finalizou coa entrega de tres cómics, relacionados coa temática do 8M, que comentaremos a través de videoconferencia a mediados de marzo; pero non podíamos deixar pasar a ocasión sen facer unha pequena reseña de cada un deles. Comezamos con Polina: un tebeo que xa é un clásico dentro das recomendacións de Fancómic e que ocupa un lugar destacado dentro dos nosos favoritos. Non en balde conta con multitude de premios e nominacións. Imos aló!.

No primeiro que nos fixamos ao abrir as primeiras páxinas de Polina son nos seus debuxos. Uns debuxos en branco, negro e gris moi esquemáticos -sen apenas fondos-, nos que trazos de pincel fino aparecen mesturados con outros máis grosos. Chaman a atención pola súa aparente sinxeleza e pola súa expresividade, tamén porque, ao non ter fondos, fan que nos fixemos aínda máis nas emocións que nos están a transmitir as caras e os corpos. Facendo que nos pareza que as súas personaxes, dun momento a outro, traspasarán o papel e entablarán unha conversa con nós.

Se nas ilustracións adquiren forza a personalidade das personaxes a través das súas expresións, no texto coñecemos o que está a acontecer. E o que obtemos é unha historia de superación persoal dunha nena -á que vemos medrar e convertirse en adulta- que parece non encaixar en ningunha das academias de ballet as que acude. Demasiado esixente e rigurosa a primeira, tentan exprimila ao máximo para sacar todo o seu potencial artístico. Demasiado caótica, impredecible e pouco rigurosa a segunda… fai que, pouco a pouco, perda interés nos contidos que está a incorporar no seu proceso de aprendizaxe. O que non sabemos é que, a medida que avanzan as páxinas, Polina estase a desmarcar de ambalas dúas; e a frustración e a búsqueda de perfección que do principio está a dar paso ao estilo co que verdadeiramente vai triunfar: Un estilo propio.