E chegamos xa á última reseña  dos cómics que nos propuxemos como lectura co alumnado de 3º curso do IES Fernando Wirtz en torno á temática do #8M.  Comezamos con Polina de Bastien Vivés, un tebeo que xa é un clásico dentro das recomendacións de Fancómic  e seguimos con  Bone. Lejos de Boneville de Jeff Smith, outro dos cómics que sen dúbida ocupa un lugar privilexiado nas estanterías das nosas bibliotecas. Rematamos con Leñadoras escrito por Noelle Stevenson & Grace Ellis e ilustrado por Brooke Allen . Pero non por ir último o consideramos o menos importante. O primeiro que chama a atención son os trazos de debuxo fino parecidos case aos debuxos dun conto aos que se lles da vida con cores brillantes páxina tras páxina, mesmo parece que os debuxos conseguen traspasar o papel en cada acción. Iso sumado a un argumento orixinal e divertido, sen demasiado texto e acompañado dun ritmo áxil son os ingredientes perfectos para unha combinación gañadora.

En Leñadoras asistimos ás aventuras de cinco amigas, Jo, April, Mal, Molly e Ripley, as cinco exploradoras guerreiras que compoñen a cabana Roanoke e que, agochándose constantemente da súa monitora Jen levan á práctica todas as súas dotes para resolver calquera enigma que se lle poña por diante. As rapazas pasan o verán de campamento desafiando a todo tipo de personaxes, raposos de tres ollos, falcóns xigantes etc. mentres resolven misterios e conseguen insignias (Non hai desafío nin insignia que se lles resista). Son mozas duras e non están dispostas a que seres sobrenaturais de calquera tipo lles arruinen a festa.

Dende logo non nos pasa desapercibido o feito de que no cómic se retrate ás rapazas coma persoas valentes, loitadoras e con personalidade propia. Algo moi salientable neste cómic é, sen dúbida como aborda a sensibilidade feminina lamentablemente tan pouco representada na cultura destes tempos aínda que sexa unha feminidade real.  Leñadoras é sen dúbida un bo exemplo de sororidade, é dicir, de solidariedade entre mulleres. Leñadoras é a historia e aventuras dun campamento de mulleres únicas e totalmente diferentes entre sí tanto de carácter coma de aspecto (altas, baixas, musculadas…) pero que se apoian e respectan entre elas chegando moitas veces a poñer as súas vidas den perigo. De feito ,

¡Amistad a tope! é o seu lema

Se vos gustou non deixedes de ler os seguintes volumes porque sen dúbida estamos ante unha serie de cómics excelente e moi necesaria hoxe en día.  No 2015, os reputadísimos Premios Eisner concederon á serie dous galardóns, o de Mellor Nova Serie e Mellor serie Adolescente. Un ano máis tarde recibiron o premio Glaad 2016 ao cómic que mellor retrata á comunidade LGBT precisamente polo magnífico retrato que fan e o respecto co que o tratan.

Leñadoras é unha serie de cómics máis que recomendable tanto para público xuvenil coma para adultos e sobre todo para quen busque e valore unha serie de cómics protagonizados por mulleres, escritos e debuxados por mulleres.