O mes de abril chega con novidades para nenos e nenas con 9 incorporacións cas que completamos coleccións, iniciamos unha nova e tamén algunha que outra sorpresa.

Leñadoras. Noelle Stevenson. Sapristi, 2021. Quinta entrega desta exitosa serie, gañadora dous Premios Eisner. Jo, April, Mal, Molly e Ripley volven superar as adversidades máis inverosímiis coa súa fórmula máxica de amizade a lume de biqueira, súperpoderes colosais e chistes máis que agudos. Ninguén é capaz de paralas, e nesta particular ocasión, nin tan sequera as súas propias familias.

Nico Bravo y los habitantes del sótano. Mike Cavallaro, Astronave, 2021. Mitoloxía, heroes e monstros no segundo volume da serie de fantasía do ano! No bazar celestial de Vulcano, Nico Bravo, a esfinge Lula e o unicornio Buck atoparán o que necesites no seu inventario de mercadoría máxica. Aínda que todo parece estar tranquilo, algo non vai ben. Que pasará cando se libre unha loita desesperada para salvar o destino do universo?

5 mundos. Libro 1: el guerrero de arena. Mark Siegel, Astronave, 2021. Unha historia de fantasía e aventuras a medio camiño entre Star Wars e Avatar. Os cinco mundos están ao bordo da extinción. Poden tres insólitos heroes evitar a catástrofe? Oona Lee é incapaz de controlar o seu poder e é unha das bailarinas máis torpes da academia. Con todo, cando descobre que a súa irmá, desaparecida hai tempo, é a única capaz de restablecer o equilibrio, deixa atrás os seus medos e emprende unha viaxe para traela de volta a casa.

Ariol 5. Mosquita da en el clavo. Emmanuel Guibert e Marc Boutavant. Harper Collins ibérica, 2021. Quinto volume das aventuras de Ariol e os seus amigos. O señor Cantárida, o pai de Mosquita, é oftalmólogo. Ariol acode á súa consulta unha vez ao ano, por se ten que cambiarse as lentes. Precisamente hoxe ten cita con el. Mosquita púxose o seu mellor vestido e preparou zume de laranxa e unhas galletas. A pequena agarda na sala de espera, zoando de impaciencia e contando moscas.

La guerra de Catherine. Julia Billet, Claire Fauvel. Astronave, 2018. Incorporamos tamén esta marabilla, gañadora do premio jeunesse de Angoulême 2018, na que coñecemos a historia de Rachel, cuxos pais a deixan nunha escola na que se refuxian nenos xudeus durante a Segunda Guerra Mundial. Alí descubrirá a súa paixón pola fotografía. Coa ocupación de París, a escola tampouco é un lugar seguro, así que Rachel deberá cambiar de nome e fuxir. Axudada por unha rede da resistencia, percorrerá Francia indo dun sitio a outro, sempre co seu cámara de fotos. Rachel creará a súa reportaxe da guerra retratando a resistencia, eses heroes anónimos que arriscan as súas vidas para salvar as dos demais e grazas aos cales Rachel poderá ser, ao fin, unha muller libre.

Microalgas e o mar de ardora. Xulia Pisón. Universidade da Coruña, 2020. As microalgas existen desde hai 1500 millóns de anos, pero teñen os seus propios problemas. Nesta nova aventura, Spirulina e os seus amigos axudarán o pobo dos mareel, cuxa vida está ameazada pola vertedura de residuos tóxicos e a contaminación das augas que habitan dende hai xeracións. E farano traballando en equipo.

E por último dous mangas súper exitosos!

Capitán Tsubasa. Yôichi Takahashi. Glenat, 2007. Comezamos esta colección co primeiro volume, no que coñecemos a Tsubasa, un mozo de sexto de primaria que se criou xunto ao seu gran amigo, o balón de fútbol. Ao entrar no seu novo colexio, o Nankatsu, coñece ao incrible porteiro Genzô Wakabayashi, da escola Shûtetsu, e rétalle. Todo resolverase no enfrontamento xeral entre os dous colexios!

Super Mario Aventuras 11 e 12. Yukio Sawada. Planeta Cómic, 2016. Os Mario Bros e Yoshi seguen cunha chea de gags hilarantes que che farán sorrir. Tanto para os máis pequenos, como para fans incondicionais da lendaria saga interactiva.

Isto é todo por hoxe e estade atentas/os porque próximamente teredes máis novidades de cómics para público adulto na Biblioteca Municipal Os Rosales. E lembrade que podedes pedilos en préstamo dende calquera das nosas bibliotecas, consultade o catálogo!