Os cómics, a través desa interconexión máxica entre texto e imaxe, teñen a marabillosa facultade de abrirnos tanto a realidades ignotas, coma a lugares moi coñecidos por nós. A través das súas páxinas, entre viñeta e viñeta, viaxamos moitas veces a mundos distintos e extraordinarios e, ao mesmo tempo, a escenas familiares e incluso íntimas. Non vos pasa? A min pasoume con La guerra de Catherine, escrito por Julia Billet e ilustrado por Claire Fauvel, do que xa falei aquí noutra ocasión.

Aínda que o relato transcorre moi lonxe da miña experiencia, tanto no tempo, coma no espazo, sentina tan cerca que a súa historia quedou palpitando ben forte dentro de mín. Abraioume a relación de Rachel/Catherine, a protagonista, coa súa cámara de fotos, aquel tesouro de grandísimo valor que sempre levaba con ela a pesares de tantas idas e vindas. Ca fotografía conta o que lle acontece, recolle o testemuño dun momento histórico e sérvelle de bálsamo para seguir vivindo nun contexto tan duro.

A situación actual dista moito dunha guerra, pero non puiden evitar facer un paralelismo entre aqueles tempos e os que nos toca vivir neste tempo tan raro. E imaxinei cómo sería contarnos hoxe, dende a mirada dun neno ou nena, a través da fotografía, testemuñando tantos cambios que vivimos a diario nas nosas casas, nas nosas relacións… E gracias á implicación de todo o equipo de traballo da biblioteca, argallamos e levamos adiante esta proposta, xunto co club de lectura Viaxeiros por papel, do CEIP Emilia Pardo Bazán. Éste foi o primeiro cómic que lían como club e dende a biblioteca acompañámolos cunha sesión de presentación do libro e unha pequena masterclass sobre o A linguaxe do cómic. Completamos a nosa colaboración propoñéndolles que sacaran fotos, igual que a protagonista, contando a súa vida en tempos de COVID19.

A chispa comezou coa certeza de que a arte sándanos, únenos, fainos medrar e compartir vivencias íntimas que se converten en universais. E prendeu o lume lembrando que tal día coma hoxe, 18 de maio, celebramos o Día Internacional dos Museos, cuxo lema é: “O futuro dos museos: recuperar e reimaxinar”. Así foi como creamos na biblioteca unha sala de exposicións coas fotos dos rapaces, compartindo espazo con imaxes do cómic e fotos reais da historia na que está inspirada. Aproveitamos tamén para informar da historia da fotografía a través de dous vídeos que se poden visualizar no espazo, incluso creamos unha cámara estenopeica, para experimentar como era mirar a través desa primeira cámara fotográfica.

A exposición está composta por 14 fotografías que mostran escenas da vida cotiá do barrio dos Rosales. Lugares dun pasado habitado que hoxe, baixo a mirada destes cinco rapaces, deixan constancia dos tempos que están a vivir. Cabe resaltar a inmensa tenrura de todas elas. Miradas que sorrín en tempos difíciles, cargadas de metáforas, como esta “historia interminable”, primeira das fotografías que da comezo á exposición.

A biblioteca Os Rosales súmase á celebración do día internacional dos Museos colaborando así a concienciar sobre o feito de que os museos son un importante medio para o intercambio cultural, o enriquecemento das culturas, así como para o desenvolvemento da comprensión mutua, da colaboración e da paz entre os pobos. Convidámosvos a que visitedes os museos, a descubrir novas formas de mirar, e apreciar o valor que ten a fotografía como medio de expresión artística.

Éste é o texto que acompaña a exposición:

Estas imaxes contan vivencias.

Son testemuñas de un tempo estraño, distinto, pandémico.

Lucía, Antía, Miguel, Isabel e Raquel, integrantes do Club de Lectura Viaxeiros por Papel, do CEIP Emilia Pardo Bazán, contan, dende o seu enfoque único e irrepetible, como foi, e sigue sendo, a súa experiencia en tempos de Covid-19.

Igual que fixera a protagonista de La Guerra de Catherine, cómic no que afondaron no club de lectura, quen, gracias á súa cámara, deixou constancia dun mundo en conflito durante a II Guerra Mundial.

Porque este ano, e todo o que vivimos, mudou as nosas vidas, dende a forma en que nos relacionamos cos nosos seres queridos, ata a forma en que percibimos os nosos fogares e cidades.

Porque cas fotos nos convertemos en espectadoras e espectadores da nosa realidade, observamos o que acontece, o que nos acontece, e detemos o tempo nun click, dende a nosa particular mirada.

OLLADAS EL@S FAN CLICK

Déixovos cas fotos e estades todos e todas convidados a visitar a exposición ata o 31 de maio. Agardámosvos!