Poñemos punto e final á tempada 20/21 do Club de lectura de cómics da Biblioteca Municipal Forum Metropolitano. Un ano marcado pola pandemia e as restricións de capacidade nas Bibliotecas.
Este ano foi o da consolidación das reunións virtuais, ante as dificultades de poder programar os encontros con distancia social, os cambios na normativa derivados polo empeoramento da situación sanitaria, fixeron que o grupo optara definitivamente neste curso pola vía telemática.
A nosa percepción final foi que aínda que o curso discorreu con normalidade, nas últimas sesións notábase certa fatiga do virtual e a percepción dun certo desexo da volta ao presencial.
Imos lembrar as lecturas propostas nesta tempada. Como cada ano, intentamos que sexa o máis diverso posible en canto a xéneros, e sempre incorporamos algunha obra ou autor/a galega:

Intemperie. – Javi Rei adapta ao cómic a exitosa novela homónima de Jesús Carrasco (Seix Barral) cun resultado espectacular, cheo de matices e sentimento. Esta é a historia da fuxida dun neno a través dun país castigado pola seca e gobernado pola violencia. Nun mundo pechado, sen nomes nin datas, sen moral.

NonNonBa. – Tenro, cheo de humor e emoción, este relato iniciático sobre un fondo de crónica familiar é, sen dúbida, a mellor porta de entrada no universo do inmenso autor de manga que é Shigeru Mizuki.

Lo que más me gusta son los monstruos. – Unha fascinante novela gráfica de Emil Ferris, trepidante e chea de sorpresas que combina as referencias ás películas de terror de serie B cunha viaxe á escuridade da Alemaña nazi.

Pedro y yo. – Unha novela gráfica autobiográfica de Judd Winick sobre a súa amizade co educador Pedro Zamora, un mozo homosexual de 22 anos de orixe cubana e seropositivo desde varios anos atrás. Os dous coñecéronse mentres estaban na serie de telerrealidade The Real World: San Francisco.

Barrio lejano. – De Jiro Taniguchi, é unha reflexiva e inquietante historia concibida por un mestre da narración na plenitude da súa carreira. Quen non pensou nunca en revivir o pasado para corrixir erros ou cambiar algunhas decisións cruciais?

Persépolis. – Marjane Satrapi cóntanos a revolución islámica iraniana vista desde os ollos dunha nena que asiste atónita ao cambio profundo que experimentan o seu país e a súa familia, mentres ela debe aprender a levar o veo.

La tetería del oso malayo. – David Rubín, neste volume, compila varias historias curtas cargadas de enérxico e rabioso lirismo, cun desenvolvemento gráfico que aprisiona a retina e unhas intrigas que agarrotan o lacrimal.

Stuck Rubber Baby. Mundos diferentes. – Unha historia tan ben debuxada por Howard Cruse que che arrastrará de cabeza a un mundo interminable de esperanzas, medos, soños e os moi reais prexuízos presenciados polo seu autor.
————————————————————————————-
Podes seguir toda a actividade do Club de lectura en Fancomic, seguindo a sección do Club de Lectura de Cómics. Ademais das recensións, contamos como foron as reunións e as impresións dos seus participantes. Por suposto, anímote a comentar as entradas e participar no blog.
En setembro volveremos con novas lecturas e as posteriores reunións, que agardemos que xa sexan na propia Biblioteca. E se non, seguiremos no virtual, o que quedou demostrado é que nin unha pandemia pode co Club de Cómics.
Tes que estar atento, pois ao rematar o verán volveremos a convocar unha nova inscrición para todas aquelas persoas que queiran participar no club. Avisaremos en Fancomic, e a inscrición será online pero tamén terás toda a información na Biblioteca Forum.