Nas Bibliotecas Municipais da Coruña, á par da presenza e acompañamento do Festival Viñetas desde o Atlántico, no mes de agosto facemos mostras temáticas iguais en todas as nosas comictecas reforzando a idea de Rede e de traballo colaborativo por parte do equipo de Fancómic. E este ano pareceunos do máis acaído centrar o tema na saúde pública: atención primaria e investigación. Agradecer o esforzo que o persoal sanitario está cargando nas súas costas para que superemos a pandemia dunha vez por todas así como reivindicar a necesidade de fortalecer o sistema sanitario público.

Non é a primeira vez que nos sumamos ao proxecto de Medicina gráfica, mostrando o seu traballo e o impacto que ten a medicina e a saúde no medio do cómic. Como din dende a web: a Medicina Gráfica engloba material útil como ferramenta de información para o paciente e para o sanitario, é valioso na docencia e apropiado para a simple reflexión. O seu potencial é infinito e a súa fortaleza xace na maneira en que humaniza a enfermidade. Houbo na cidade ademáis un ciclo de actividades no ano 2019 de Medicina gráfica: banda deseñada e saúde, un “proxecto que pretende centrar a mirada nunha nova corrente de investigación científica que usa a banda deseñada como terapia e medio divulgativo para ilustrar a especialistas e pacientes sobre temas relacionados coa saúde en xeral”. Así como a exposición virtual no 2020 de Grafismos da pandemia, da man de Coruña Gráfica.

E é verdade que dende hai ben anos, os andéis das bibliotecas están ateigados de propostas de calidade onde a saúde ten moito peso. Clásicos como Píldoras azules, Epiléptico, Agujero negro ou Los combates cotidianos dan boa mostra disto. Ademáis no ámbito do cómic hispano temos Arrugas (Engurras en galego da man de El Patito Editorial), Una posibilidad entre mil ou María y yo (María e eu) como estandartes disto que estamos a chamar dende o comezo Medicina gráfica.

Así que imaxinade a cantidade e variedade de propostas que van a saír a raíz da Covid19. Unha pandemia mundial que está cambiando o mundo tal e como o coñecíamos ata o de agora. No catálogo das BMC xa podedes atopar algunha mostra: ensaios, narrativa e cómics. Nas librarías están chegando novos cómics que contan como vivimos a pandemia en distintas partes do mundo e o que virá… Ciencia, medicina, coidados, saúde. Todos os temas que nos moven teñen cabida nas coleccións das Bibliotecas Municipais. Así que seguiremos ben atentas ao que se coce no mundillo do cómic. Na nosa galería de Flickr podedes ver algunhas imaxes das exposicións de Medicina gráfica nas Bibliotecas Municipais da cidade, pero o mellor será que veñades visitalas e levar así aqueles cómics que aínda non lérades!

E como non, estamos desexando que comece unha nova edición de Viñetas dende o Atlántico. De feito o cómic Subnormal de Fernando Llor e Miguel Porto, baseado na historia de Iñaki Zubizarreta é tamén Medicina Gráfica e poderemos disfrutar da charla dos seus autores no Kiosko Alfonso así como da exposicións dos orixinais no Palexco (do 9 de agosto ata o 5 de setembro incluído). De hoxe nunha semana, o Festival abrirá as súas portas un ano máis. E alí estaremos as bibliotecarias e bibliotecarios de Fancómic acompañándoos. Vémonos!