Seguindo a axenda comiqueira na cidade, acabamos de enterarnos da clase maxistral que vai impartir David Rubín na Sede Afundación da Coruña o xoves 13 de xaneiro ás 19.00 h. Todo un acontecemento para comezar o ano 🙂

DAVID RUBÍN, un dos historietistas máis prestixiosos do panorama internacional, ofrece unha CLASE MAXISTRAL na Sede Afundación da Coruña o xoves 13 de xaneiro. O artista galego, creador das pezas que compoñen a mostra «SACRIFICIO E ASCENSIÓN. Quince anos de cómics de DAVID RUBÍN» que podes ver na cidade herculina até o 29 de xaneiro de 2022, ofrece dúas horas maxistrais para saber máis sobre o proceso creativo de banda deseñada e sobre as chaves que definen a súa obra.

Podedes anotarvos AQUÍ!

Esta actividade enmárcase en Cultura por alimentos, unha iniciativa de Afundación en prol de FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos). O acceso será a cambio da entrega dalgún alimento non perecedoiro, que irá destinado ao banco de alimentos local, mais previamente deberás reservar praza e inscribirte a través de Ataquilla.com sen ningún custo.

Lembrade que podedes consultar e/ou levar en préstamo toda a obra do noso querido autor galego no conxunto das Bibliotecas Municipais da Coruña. Esperámosvos nas nosas/vosas comictecas.