Como xa vos contamos por este blog, o 1 de maio nas Bibliotecas Municipais festexamos o Día da Banda Deseñada, polo que neste mes de abril temos unha morea de títulos ben novos para que gocedes ca súa lectura!! 

Na Biblioteca Sagrada Familia podedes atopar unha chea de cómics para a rapazada e os maiores. Mangas, novela gráfica americana, hispana, europea, biográfica, de aventuras, de misterio… e un par de títulos moi artísticos. Velaquí presentámosvos dúas das novidades para persoas adultas que, aínda que pareza o contrario, teñen moitos puntos en común: 

Balada para Sophie, de Filipe Melo e Juan Cavia

Julien e François son dúas novas promesas do piano cuxa senda vital transcorrerá en paralelo da man da música. Cando se ven enfrontados nun concurso para pianistas, a vida de ambos cambia para sempre. Anos máis tarde, un Julien ancián relata a súa vida a unha xornalista compoñendo, como nunha partitura, unha complexa historia onde o éxito, a rivalidade e a redención exporán a cuestión que lle atormenta: foi toda a súa vida unha fraude?

Klimt, de Cornette e Marc-Renier

Austria, 1907. No pináculo da súa carreira, o pintor Gustav Klimt acepta o encargo de retratar a Adele Bloch-Bauer, admiradora da súa obra e esposa dun dos seus principais mecenas. O retratista e a modelo cultivan unha amizade que dura xa seis anos. A natureza do encargo invitaraos a rememorar as circunstancias na que se coñeceron e que propiciaron o nacemento dunha das grandes obras do mestre de Baumgarten.

A arte é toda creación realizada polo humano mediante a cal se expresa unha visión do mundo, real ou imaxinario. Mediante a arte exprésanse ideas, emocións e sensacións. Por iso Chagall está tan acertado cando di que a arte “é sobre todo un estado da alma”. E estes dous libros que vos traemos teñen moito que ver con esta definición. 

Os protagonistas son dous artistas que viven por e para a arte. Un, Gustav Klimt, foi un dos mellores pintores de todos os tempos e un dos máximos representantes do modernismo europeo. Outro, o ficticio Julien Dubois, é un pianista de gran renome creado por Filipe Melo e Juan Cavia.

Ambos son a cara e a cruz dunha mesma moeda, que é a arte. Julien vivirá toda a súa vida representando un papel de músico co que non se sinte identificado, un intérprete de música comercial creada por outros e servindo aos intereses das discográficas. Pola contra, Klimt defendía a creación libre e repudiaba a arte que sigue intereses comerciais ou monetarios. 

Julien Dubois tocou o piano dende pequeno, obrigado pola súa estrita nai que pagaba as súas frustracións con el. Practicaba e practicaba e practicaba, pero semellaba que nunca era suficiente. Sempre tivo cobiza de François Samson, un pianista da súa quinta sen recursos que nunca recibiu clases de piano pero que tiña un don natural para tocalo. Nun momento dado crúzase na súa vida un produtor que lle asegura que a única maneira de conseguir a fama é responder aos intereses comerciais, tocar temas destinados ao éxito masivo e incluso cambiar o nome. Nese momento nace Eric Bonjour, e Julien Dubois deixa de existir, e con el todas as súas inquedanzas e intereses. Vivirá sempre interpretando a un personaxe que odia e co que non se sinte identificado. Iso lle xerará unha tristeza e unha frustración que arrastrará durante anos. Non será ata o final da súa vida cando logrará liberarse dela e redimirse, contándolle a Sophie, unha periodista dun xornal francés con moitos segredos, que toda a súa vida foi unha fraude. 

Viñeta de "Balada para Sophie", de Filipe Melo e Juan Cavia

Klimt, sen embargo, vive nunha época revolucionaria, e defenderá sempre a liberdade creativa seguindo o camiño trazado polos impresionistas. As novas xeracións de artistas de finais do século XIX abrazan ao novo pensamento liberándose das regras impostas pola tradición academicista e buscan outros camiños para expresar a esencia dos sentimentos e as emocións humanas. Klimt representa ese espírito de modernización. O seu desexo de renovar a arte, de romper o pasado, lévalle a abandonar a súa carreira dentro da pintura académica para fundar, con outros artistas, a Secesión: un movemento que reivindica a liberdade creativa fronte a unha arte caduca e conservadora. En España, este movemento recibe o nome de Modernismo. A Secesión quere buscar novas formas de expresión que representen a vida moderna. De feito, o lema dos secesionistas vieneses era «Der Zeit ihre Kunst, der Kunst ihre Freiheit» (A cada tempo, a súa arte. A cada arte, a súa liberdade).

Viñeta de "Klimt", de Cornette e Marc-Renier

Como vedes, ambos artistas mostran unha relación moi intensa ca súa especialidade: viven por e para a música e a pintura, respectivamente. Ambos, cada un dunha maneira oposta, loitan co seu «estado da alma»: Klimt ca satisfacción que lle produce crear arte non suxeito a regras que saia da alma e desobedecer os canons conservadores e populares, aínda que iso conleve críticas e o rexeitamento por unha parte da sociedade, e Dubois ca súa frustración por ser un monicreque dun productor e interpretar un papel unicamente por conseguir o éxito e ser un pianista de renome.

Se queredes ler algunha destas novelas gráficas, e dos outros títulos que chegaron este mes ás Bibliotecas, non dubidedes en visitarnos!

Nós quedámonos para rematar con esta reflexión de Neil Gaiman

“E lembra que sen importar en que disciplina esteas, xa sexa que es un músico ou un fotógrafo, un gran artista ou un caricaturista, un escritor, un bailarín, un deseñador, o que sexa que fagas tes algo que é único. Tes a habilidade para facer arte. E para min, e para tanta xente que coñecín, iso foi un salvavidas. O maior salvavidas. Lévache polos bos tempos e axúdache nos outros. Ás veces a vida é difícil. As cousas saen mal, na vida e no amor e nos negocios e na amizade e na saúde e en todas as outras cousas nas que a vida pode saír mal. E cando as cousas póñense difíciles, isto é o que debes facer: Fai bo arte. Dígoo en serio. Probablemente as cousas van arranxarse dalgún modo, e eventualmente o tempo quitará a espiña, pero iso non importa. Só dá o mellor. Fai bo arte(…). Fai cosas que só ti podes facer”.

Porque a arte importa.