Dentro da programación do Primaletras, o festival literario e cultural organizado polas bibliotecas municipais, estamos a realizar unha serie de actividades relacionadas coa creación de cómics, manga, ilustración e BD. Estas culminarán cun acto central o 2 de Maio no que teremos un encontro co noso autor de cómics máis premiado: Miguelanxo Prado. Neste encontro, aberto a todos os públicos, Miguelanxo falará do proceso creativo que segue para elaborar as súas obras e deixará espazo para un pequeno coloquio cos clubes de lectura que, durante este mes, estivemos revisitando parte da súa obra a través de Ardalén e Presas fáciles.

No CLC decantámonos, desta quenda, por Presas Fáciles. Un cómic moi diferente tanto a nivel estético como narrativo que agocha, a través dunha estructura máis ou menos clásica e recoñecible, unha profunda crítica á sociedade actual. Unha sociedade en crise dende o punto de vista político/económico e oportunista, corrupta e hipócrita no social. Comezamos!

Miguelanxo preséntanos un thriller, moi ben elaborado e interesantísimo a nivel de estructura gráfico-escrita, moi creíble -aínda que pouco factible- que serve como excusa para tratar o tema das preferentes. Un dos episodios máis duros e vergonzosos da historia recente do noso país.

A través dunha serie de crimes, sen aparente conexión, imos descubrindo unha historia de vinganza persoal executada polo sector da poboación máis vulnerable ante esta estafa: A terceira idade. Cun elaborado plan, que posúe certo paralelismo co executado polos propios bancos, e amparadxs por unha especie de xustiza kármica -casi poética-, estes verdugxs do «estado de benestar» van, pouco a pouco, gañando a nosa simpatía a través da inmoralidade das súas accións.

Sen nada que perder, actúan como executores do maxinerio colectivo ao acadares un certo empoderamento social que funciona como contrapunto ao grande tema que envolve a obra: A invisibilidade. Unha invisibilidade que sumada ao sentimento de baixa autoestima, soidade, vulnerabilidade e a amarga sensación de sentirse prescindible que teñen xs nosxs avós… vai calando pouco a pouco na narración convertindo aos lectores en cómplices do seu illamento social. A narración, entre a melancolía e a derrota, entronca perfectamente co deseño en BN con escala de grises das ilustracións polo suxo, oscuro, triste e real dun relato que remove polo cotián e asusta pola nosa propia responsabilidade.