Dende Nordés, unha asociación que desenvolve as súas actividades nos concellos de Mañón, Ortigueira e O Vicedo, acaban de crear o 1º Certame de Banda Deseñada e Memoria Histórica para rapaces e rapazas da ESO, Bacharelato e FP Básica e Media.

O crecemento das propostas de recuperación da memoria histórica a través da Banda Deseñada é un fenómeno ao que Nordés, asociación que ven organizando dende hai 11 anos as Xornadas “Memoria dun Tempo”, non é alleo. Neste certame contan coa colaboración de Demo Editorial, o cal se poderá inscribir ata o 15 de xuño atendendo ás bases publicadas no blogue de Nordés.

Haberá un único premio para a obra gañadora, consistindo en 150€ en efectivo mais outros 150€ en libros en Banda Deseñada aportados por Demo Editorial, e será entregado no marco das Xornadas «Memoria dun Tempo» deste ano, que nesta ocasión estarán adicadas íntegramente á Memoria Histórica e o seu tratamento e divulgación mediante a Banda Deseñada.

Datas importantes:

  • Ata o 15 de xuño de 2022 para presentar a solicitude de inscrición.
  • Ata o 5 de agosto de 2022 para enviar propostas.