Kiko da Silva, autor de Aprende Banda Deseñada con Fiz e director de O GARAXE HERMÉTICO, acaba de subir ao canal de Youtube do Salón do Libro Pontevedra a primeira lección do seu curso de BD.

Kiko e Fiz deciron montar este pequeno curso online por que pensaron que, agora que tedes moito tempo ao estar confinados nas vosas casas, tal vez sexa un gran momento para poñervos a aprender a debuxar historietas e quen sabe, provocar así que xurdan novas xeracións de autorxs de BD.

Nesta primeira lección, Kiko Da Silva e Fiz, o neno máis porco do mundo, ensinaranvos as orixes da bd que nos levará ata as pinturas rupestres das cavernas prehistóricas e ensinaranos a perderlle o medo a debuxar. Vanse crear personaxes simples, fáciles de debuxar e de recordar para podelos mover nas nosas viñetas e veremos como ese mesmo sistema tamén serve para facer personaxes con acabados máis realistas e profesionais.

Kiko da Silva era este ano o autor homenaxeado do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, autor galego con moitísima experiencia na ilustración e que conta cunha viñeta diaria no xornal El Correo Gallego. Dende Fancomic recomendamos a lectura “O Inferno do debuxante”, Premio Castelao de Banda Deseñada 2014.