“Cómo hablar con chicas en fiestas” é un cómic baseado nunha obra de Neil Gaiman adaptado por Fabio Moon e Gabriel Ba.

Son moi fan de Neil Gaiman, escritor e guionista inglés, autor dedicado ao mundo do cómic, a literatura fantástica e o terror. En 1989 crea a serie Sandman, a súa obra máis coñecida dentro do mundo do cómic, e que lle valería o recoñecemento a nivel internacional.

Esta obra está baseada nun conto que Neil Gaiman publicou por primeira vez en “Obxectos Fráxiles” (2006) conseguindo o Premio Locus á mellor historia curta en 2017 e o prestixioso Premio Hugo na mesma categoría.

O conto está dispoñible en inglés e tamén en audio lido polo propio Gaiman na súa web oficial.

“Cómo hablar con las chicas en las fiestas” tamén ten unha adaptación cinematográfica a cargo do director e guionista John Cameron Mitchell. Foi presentada no Festival de Cannes e, en España, no Festival de Sitges e o de Xixón.

A historia preséntanos a dous mozos de 15 anos, Enn e Vic, que saen de festa buscando a casa onde se celebra e na que quedaran con Alison, unha amiga de Vic.

Enn é un mozo retraído, tímido e medorento coas mozas, mentres que Vic é o típico ligón, bromista e divertido que se apunta sen pensar a calquera esmorga. De camiño á festa, Enn confésalle a Vic o medo que lle causa falar cunha moza, ao que o seu amigo réstalle importancia e aconséllalle simplemente falar, achegarse e falar.

Atopámonos ante unha escena do máis cotiá que se irá transformando aos poucos no mundo fantástico ao que Gaiman nos ten afeitos.

Cando chegan á casa, atópanse con Stella, unha moza espectacular da cal Vic xa non pode separarse, deixando só ao seu amigo. Enn empeza a percorrer as distintas estancias da casa, todo lle resulta estraño, as mozas parécenlle estranxeiras e pensa que podería tratarse dunha festa de intercambio.

Atrévese a establecer conversación cunha moza que se atopa a soas, decide convidala a tomar algo, a moza móstrase atenta pero a súa charla deriva en algo totalmente insólito. Máis raro aínda é o seu encontro coa seguinte moza, Triolet, que traducido ao noso idioma chamaríase Poema.

Realmente, atopámonos ante un mundo real onde mulleres e homes cústanos entendernos? Ou o que ocorre é que as mulleres son doutro planeta?

É un cómic breve pero intenso que nos achega ao mundo onírico de Gaiman… con espazos cheos de cor grazas ás impresionantes acuarelas de Fabio Moon e Gabriel Ba.

Se vos apetece saber como termina esta aventura, tédelo dispoñible na plataforma de préstamo dixital GaliciaLe.

Cómo hablar con chicas en fiestas de Neil Gaiman