Hoxe escribo como bibliotecaria, pero tamén como nai, e é que o teletraballo (ou máis ben o traballo en casa durante esta atípica situación) fai compartir todas as horas do día coas nosas familias. No meu caso particular, cun neno de case 8 anos, para o que a casa está a ser unha oportunidade pero que non atopa acomodo para o que sería “o cole en casa”. Coma nós dicimos: o cole na casa é igual a lectura. Lectura compartida e en solitario. E estou a observar que os cómics están a ser refuxio e aliados para o seu confinamento. Tira man deles continuamente. Benquerida biblioteca familiar entón!

Moitas e moitos de vós fixéchedes acopio antes de pechar as nosas salas, quedaron as comictecas bailando!!! e como últimos recursos comiqueiros no confinamento temos, por unha banda os cómics en liña nas plataformas de préstamo dixital: GaliciaLe e ebibliodacoruna e, pola outra, a cantidade de recursos de balde que están poñendo as editoras na rede. Grazas polo esforzo! Xa sabedes que fomos compartindo todos eses recursos en entradas anteriores deste blog. Botádelle un ollo.

O 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, o noso compañeiro Iván xa compartiu varias recomendacións, algunhas coas que concordamos plenamente estos días e que forman parte das súas/miñas relecturas cotiás: Astérix, Pepino ou Hilda.

No meu fogar, o amor por Astérix pasou de avoa a filla a neto. E co post que preparamos co falecemento de Uderzo, máis homenaxe lector aínda se cabe. E as películas en galego, dispoñibles en youtube, o mellor acompañamento 😉

Debecemos polo segundo número de Pepino. Héroe de leyenda. Pero mentres, día si, día tamén, cólleo e comeza a reler as súas escenas favoritas. Entretido, tenro e divertido. Teno todo para triufar.

E tivemos a fortuna de ter mercada a sexta e última entrega de Hilda xusto antes de comezar o confinamento. Que grande acerto. Porque é unha relectura que non falla. E xa co acceso á serie de televisión nunha das plataformas de moda, mellor que mellor. Pack completo.

E agora si, aqui vai un top 10 destes días de confinamento que queriamos compartir con todas e todos vós: cómics nos que a mestura de humor, nenxs como protagonistas, criaturas máxicas e aventura, conforman o groso do que precisa o meu neno para afrontar o confinamento cun sorriso nos beizos:

  1. Doraemon. Seis números con todas as historias desta personaxe de manga coñecida e querida por todas e todos nós. Admite mil relecturas.
  2. Animalotes. O “club de los buenazos” non pode facer máis que escachemos a rir. Os animais protagonistas queren ser bos, de verdade que queren pero… cústalles un mundo demostralo!
  3. Y entonces nos perdimos. Unha obra que podemos chamar de fronteira: disfrutarana tanto os lectores máis pequenos coma o público adolescente. E xa non vos conto o enganchada que me tivo a min a historia dos farolillos con Ben e Nate.
  4. Eli & Gastón. A criatura do espíritu do bosque é incrible, pero ver o “como se fixo”, a libreta de debuxo da ilustradora é o que máis marabillou ao lector da casa.
  5. Microalgas. En galego! Un cómic de aventuras e divulgación científica que engancha á cativada, aínda que conteña datos de investigación da UDC, ben interesantes por outra banda!
  6. Shaker Monster 1. Da ilustradora da nosa querida “Paula Crusoe”, chega unha nova serie, na que un par de irmáns que non deixan de rifar no fogar, teñen que enfrentarse ás criaturas que saen dunha coctelera máxica. Monstruos por todos lados! 🙂
  7. Superpataca 9. En galego por fin, da man da colección Mamut. Un básico xa en toda comicteca que se precie, Superpataca xa vai polo número 9 e non decae en aventura e diversión.
  8. Uxío. En galego! Premio “Castelao” de banda deseñada 2019 na modalidade LIX, para público infantil e xuvenil. Pronto dispoñible en todas as nosas Bibliotecas. Un neno cheo de imaxinación co que se sentirán identificados os seus lectores e lectoras.
  9. Yakari. 19 números editados no noso país deste entrañable personaxe: Yakari, un neno indio capaz de comunicarse cos animais. Cada volume contén dúas historias, nas que diversión, aventura e respecto polo medio ambiente están equilibrados.
  10. Aprende banda deseñada con Fiz. En galego! E non podemos deixar de citar a Fiz, o neno máis porco do mundo, que neste caso ensina a debuxar cómic ao seu público lector.

Estas son as nosas achegas de hoxe. E xa temos a lista feita para as nosas compras de cómic nas librerías da cidade para cando o mundo editorial se poña en marcha. Outra lista igual ou máis extensa para cando o préstamo nas bibliotecas se restableza. Non perdades de vista o noso catálogo 😉

¿Que cales van a ser as nosas compras máis inmediatas? Seguro seguro que El festival de dragones de té, Verde, Shaker Monster 2, El temerario Jack y Zita, la viajera espacial (crossover especial entre dúas series do autor que causan sensación), Astro-ratón y Bombillita 5:  Retorno a una tierra desconocidaToni… o cómo conseguir las Ronaldo Flash ou Lendas do recreo. Isto, para comezar! E vós, cales pensades mercar e/ou pedir en préstamo nas vosas comictecas???