Como axentes de transformación social que promovemos a igualdade de xénero, as Bibliotecas Municipais da Coruña unímonos á conmemoración do Día da Eliminación da Violencia sobre as Mulleres ofrecendo á cidadanía unha selección de recursos que nos confrontan coas distintas violencias de xénero coas que moitas veces convivimos.

Ademais, das mostras bibliográficas nas bibliotecas dispoñibles ata o 5 de decembro, elaboramos unha guía de lectura que está dispoñible tanto para a súa consulta como para a descarga gratuíta.

Unha escolma de literatura, cinema e música que procura mostrar á veciñanza as violencias sexuais que ameazan á mocidade, eixo do 25N neste 2020 e motor da campaña #TiDecides lanzada desde a Concellaría de de Igualdade, Benestar Social e Participación do Concello da Coruña.

Desde o Equipo de Fancomic non deixamos pasar a oportunidade para recomendar lecturas da novena arte. Aquí van algúns títulos coas súas recensións editoriais:

Cuéntalo / Emily Carroll ; Laurie Halse Anderson (La Cúpula)

Desde que comeza o seu primeiro ano no instituto Merryweather, Melinda sabe que forma parte dunha gran mentira. Algo sucedeu unha noite do verán anterior que a converteu nunha marxinada e vese incapaz de verbalizar o ocorrido. Agora non ten amigos, ninguén quere falar con ela e moito menos escoitala. Entón que sentido tería falar?

Luchadoras / Peggy Adam (Sins Entido)

Desde 1993, máis de 600 mulleres desapareceron e máis de 400 foron asasinadas en Cidade Juárez, cidade mexicana fronteiriza con Estados Unidos. Son vítimas de asasinos descoñecidos ou da violencia de xénero. Así, Cidade Juárez volveuse un triste símbolo do maltrato das mulleres no mundo. Hoxe en día, a maioría destes crimes segue sen resolver. É con esta cerna verídica que Peggy Adam imaxinou “Luchadoras”

Una entre muchas / Una (Astiberri)

Una entre muchas explora a violencia de xénero, a vergoña e a responsabilidade social, cun suceso nacional como pano de fondo e desde a perspectiva dunha experiencia persoal traumática. Unha pregúntase que significa educarse nunha sociedade na que a agresión machista non é cuestionada, e denuncia unha cultura mundial que esixe que as vítimas da violencia paguen o seu prezo.

El cuento de una rata mala / Bryan Talbot (Astiberri)

Helen Potter, unha adolescente de poderosa imaxinación e apaixonada polos libros, é unha sen teito que esmoleira polas rúas de Londres. Aos poucos vanse desentrañando aspectos do seu pasado, de como escapou de casa fuxindo dunha infancia marcada polos malos tratos e os abusos sexuais. Unha fuxida a través da Inglaterra urbana e rural na que a protagonista de El cuento de una rata mala tenta reconciliarse consigo mesma.

Bezimena / Nina Bunjevac (Reservoir Books)

Nina Bunjevac é unha das autoras de cómic e ilustradoras máis respectadas na actualidade, cuxa obra foi comparada coa de Marjane Satrapi, Robert Crumb ou Joe Sacco. Neste conto negro para adultos condúcenos, sen concesións nin tabús, polo camiño pouco transitado da psicoloxía do agresor sexual. Unha dura meditación sobre as agresións sexuais.

Quiéreme bien. Una historia de maltrato / Rosalind B. Penfold (Astiberri)

A historia dun drama real e cotián que se repite, sempre con patróns moi parecidos, na intimidade de moitos fogares. A través das súas viñetas, coñeceranse as distintas fases do horror que viven, como viviu ela, as vítimas da violencia sexista. Quéreme ben mostra claramente os numerosos sinais de advertencia dunha relación abusiva e ofrece unha visión clara da psicoloxía tanto da vítima como do abusador.

Laura Dean me ha vuelto a dejar / Mariko Tamaki ; Rosemary Valero-O’Connell

Laura Dean é a moza máis popular do instituto: é encantadora, divertida e realmente preciosa, pero ten papeletas para ser a peor noiva do mundo. E se non que llo digan a Freddy Riley! A súa relación intermitente está a volvela tola, e os seus amigos son incapaces de comprender por que sempre termina volvendo con ela.


Lembra que podes acceder ao noso catálogo e consultar a dispoñibilidade destas obras. Consulta os nosos horarios na páxina web e non deixes de visitar as nosas bibliotecas.