Hai uns días compartíamos con todas e todos vós as novidades de cómic para peques da sala infantil da Biblioteca Os Rosales. Hoxe é o momento de recomendarvos 5 títulos para todos os gustos lectores que esperamos sexan do voso agrado e que den pé a animadas tertulias nos mostradores de préstamo así como no blog e redes sociais das Bibliotecas:

Todo bajo el sol de Ana Penyas. A autora sitúanos na costa levantina a principios dos anos sesenta para contarnos a historia dunha familia que sofre as devastadoras consecuencias do turismo de masas, motor principal do desarrollismo económico en tempos de Franco. Ao longo das décadas, vemos como o auxe do neoliberalismo trunca as esperanzas e os proxectos dos membros desta familia. Con todo, hai un lugar que resiste: a horta, baluarte dun estilo de vida ameazado polo avance implacable do ladrillo.

Regreso al Edén de Paco Roca. A partir dunha foto familiar de 1946 na antiga praia de Nazaret da capital valenciana, Paco Roca debuxa un fresco sobre a España da posguerra a través dunha daquelas familias humildes -reflexo da inmensa maioría da sociedade que sobrevivía baixo a ditadura franquista-, con serios problemas para acceder ao sustento, obrigada a acudir a diario ao mercado negro para facerse a duras penas cunha alimentación básica diaria.

Ethel y Ernest de Raymond Briggs. Esta biografía emotiva, con toques de inxenuidade e candidez xeniais, percorre a historia do matrimonio Briggs, desde que se saúdan por primeira vez a través dunha xanela até o seu falecemento. Pero é tamén a historia dunha xeración, a que viviu a Segunda Guerra Mundial e temeu o avance fascista; a que viu nacer o estado de benestar e tivo que inventarlle un oco ao televisor na súa sala de estar.

Cinzia de Leo Ortolani. Cinzia é unha historia de autoaceptación, unha novela gráfica que che golpea primeiro co seu incrible humor e logo instálase directamente no corazón, rompendo unha bágoa. No centro desta montaña rusa de emocións está sempre ela, simplemente Cinzia: un personaxe complexo, forte e fráxil, intensamente humano como todos nós, dividido entre o impulso de ser un mesmo e a presión de ser homologado cos demais. Obra editada coa correcta supervisión e difusión da FELGTB España.

Atelier of Witch Hat 7 de Kamome Shirahama. Continúa o popular manga ambientado no mundo da maxia co volume 7. Nel, o sabio Beldarut mostra especial interese en Coco, a quen atrae en segredo aos seus aposentos para charlar. Cando lle conta o pasado de Qifrey e a súa relación cos Chapeus de Á, Coco, impresionada polo que acaba de descubrir, escápase. Pretende entrar na Torre dos Libros, o lugar onde atopar respostas sobre a maxia necesaria para liberar á súa nai do esconxuro que pesa sobre ela. Pero chegar ata alí é moi perigoso, polo que Qifrey sae na súa busca.

No conxunto de comictecas das Bibliotecas Municipais da Coruña podemos achegarvos nestas semanas estas e outras recomendacións e novidades, así que non dubidedes en consultar a súa dispoñibilidade no catálogo. Esperámosvos!