Dende hai uns anos a base do traballo co instituto de referencia da Biblioteca Fórum, o IES Fernando Wirtz, é o da promoción lectora co alumnado dos primeiros cursos (1º e 2º) e a Alfabetización Informacional e Mediática co alumnado de 3º curso. Movémonos tendo como base a crenza de que a biblioteca pública é unha institución educativa por iso a nosa biblioteca sempre foi -e así debe seguir- un centro de apoio ao proceso de ensino-aprendizaxe no que as funcións formativas e informativas mestúranse con frecuencia.



Algúns exemplos de sesións de ALFIN e promoción lectora na Biblioteca Forum e no IES Fernando Wirtz
Partindo desa base pretendemos, entre outros obxectivos, contribuír á formación dunha actitude positiva por parte do alumnado, fronte á lectura e aos libros; estimular o desenvolvemento de habilidades de comunicación e comprensión; promover e contribuír á formación de lectores selectivos e creativos e contribuír á formación de actitudes críticas fronte aos diversos materiais de lectura e aspectos xerais da vida.
Este ano sumámonos á campaña que a Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña vai poñer en marcha polo Día da Muller “8M Visibilizar o invisible: perspectiva feminista nas BMC”. Nesta ocasión o vínculo presencial coa comunidade educativa vese afectado debido á delicada situación pola que estamos a atravesar como consecuencia da COVID, así é que nos vemos obrigados a transformar a proposta presencial na biblioteca ao entorno virtual na súa maioría, combinado con 4 sesións presenciais nas aulas do alumnado de 3º curso do Wirtz.
A través da visibilización de materias bibliográficos (música, cine e libros) trasladaremos o contexto xustificativo da existencia do Día da Muller e faremos conscientes da súa importancia ao alumnado dos primeiros cursos. Co terceiro curso meterémonos de cheo na aprendizaxe da lectura de cómics e a súa vinculación con temáticas ALFIN. As reseñas tanto neste blog coma en Corto y Cambio e por suposto no blog do propio instituto Fernando Wirtz van ser unha constante durante a temporalización do traballo.
Dende xa recomendámosche que nos sigas a pista porque iremos subindo material ben interesante e esta será unha das nosas canles de comunicación máis visual e directa. Animámoste a que compartas con nós calquera suxerencia, reflexión, aportación en comentarios.
Para quen queira ir comezando coa lectura estes son os catro cómics elixidos que nos permitirán analizar e apoiar a comprensión de contidos sobre a muller.




Polina de Bastien Vivès e publicada por Diábolo Edicións, é a biografía da bailarina Polina Oulinov, que desde nena estuda nunha exclusiva escola de ballet clásico. Nikita Bojinski, o seu esixente e rigoroso profesor, temido por todas as alumnas, escóllea polo seu gran talento e guíaa no camiño cara ao seu máximo potencial artístico. A moza Polina medra na constante procura da perfección e a excelencia, o que a leva necesariamente a tomar distancia para atopar as súas propias motivacións e a súa verdadeira forma de bailar, atopando finalmente o seu lugar, tanto no mundo da danza como fóra del.
Leñadoras escrito por Noelle Stevenson & Grace Ellis . Cinco campistas, scouts de grupo feminino, descobren que non van ter un verán normal. Unha noite, Ripley, Mal, Molly, Jo e April ven fóra da súa cabana a unha anciá que se converte nun oso xigante. Perséguena ata o interior do bosque, onde se atopan cuns raposos moi estraños: son agresivos, son moi grandes para ser raposos e teñen tres ollos. Entre as cinco derrótanos e volven á súa cabana, pensando que ninguén ía notar a súa ausencia, pero… Jen, a súa monitora, claro que se decatou do seu travesura. O grupo das cinco campistas non buscan as aventuras, pero tampouco se resisten a elas cando aparecen. Pronto, unha darase conta de que todos os misterios están conectados e, por suposto, terán que chegar ao fondo do asunto.
Lejos de Boneville con guión e debujo de Jeff Smith. Tres primos expulsados de Boneville pérdense nun enorme e descoñecido deserto. Cada un polo seu lado consegue chegar a un profundo val boscoso poboado por marabillosas e aterradoras criaturas.
Valerosas. 1, Mujeres que solo hacen lo que ellas quieren de Pénélope Bagieu. Premio Eisner 2019 á mellor edición norteamericana de material internacional.Valerosas é o retrato de quince mulleres que reinventaron o seu destino a pesar das circunstancias adversas da vida. Desde científicas, actrices ou activistas, estas mulleres son valerosas, atrevidas, decididas e loitaron por conseguir os seus soños e saír adiante nos seus respectivos periodos históricos.
E para ir meténdonos de cheo en materia compartimos unha frase que a nós nos parece do máis inspiradora.
Existen pocas armas en el mundo tan poderosas como una niña con un libro en la mano.
Malala Yousafzai
De novo aquí andamos colaborando! Como nos gusta!!!
Dende a Bibliowirtz esperamos esta experiencia compartida con moitas ganas! A vosa colaboración e propostas sempre son moi interesantes e as disfrutamos un montón!!!
Comezamos tamén nesta semana a quentar motores no noso blog e no instagram. !!
Vémonos axiña!!
Precisamente na colaboración está a base do traballo para aprender e facer comunidade biblioteca/instituto que tanto nos gusta!!
Sempre un pracer artellar cousas con vós pola implicación e as facilidades que nos amosades.
😉